8 de mayo de 2007

Os mouros



Imos ir na procura dos mouros

¿Quen son eses mouros? ¿Cal é a súa orixe?

Os mouros galegos teñen curmáns noutras terras: as xanas asturianas, els incantats cataláns, fadas e duendes do bosque que hai en case todas as culturas. Son criaturas semihumanas, ou mellor dito, son seres humanos, sen ningunha chata á súa fisionomía humana se non é a lendaria beleza dalgunha moura. A diferenza é a súa socialización. Non pertencen á mesma sociedade do que conta a lenda, non se someten á mesma lei nin ó mesmo Deus (aínda que hai lendas nas que se narra o triunfo dos poderes de Deus sobre esas forzas ós fillos da Natureza, a vitoria da civilización riba da barbarie).

A peor pista que temos dos mouros é o seu endiañado nome, que chama a confusións. Eu coido que a orixe dos mouros é moi anterior á entrada de tropas norteafricanas na península. O mouro das lendas é un ser desta terra, aínda hai no narrador unha conciencia oculta da súa pertenza a unha sociedade máis antiga, de que son a raza que poboaba estas terras dende antes de que os “homes” chegasen a elas.

É frecuente en moitas culturas que se dea o nome de “homes” ou “seres humanos”, en contraposición ós demais pobos que os circundan. Só nós, os da nosa cultura, aqueles ós que entendo cando falan, que fan as cousas coma min, que se axeonllan diante dos mesmos deuses e seguen as ordes do mesmo rei; só nós somos persoas.

O mouro é alguén desta terra, que vive agochado en lugares antigos (castros ou na montaña) fora das rutas habituais por onde pasan os homes. O mouro ten gando, ten familia, interacciona (con certas dificultades) co resto da comunidade: conversa, dá consellos, pide favores, vai ó mercado a vender ou mercar...Nunca o mouro é representado como unha compañía de xinetes organizados para unha campaña de razzias as poboacións dos vales, refuxiándose en campamentos non permanentes. É evidente que os mouros galegos non teñen moito que ver cos mouros da Mauritania.

Poida que só sexa unha coincidencia de nomes de orixe diverso, ou poida que se recollera o nome daqueles homes estraños vindos de lonxe dos que se dicía que tiñan moitas riquezas, homes dos que se falaba nas “novas” da época co mesmo boca a boca no que a continuación se contaba unha lenda de duendes; e viñeron a identificarse con eles, mesturando realidades, os duendes-mouros desta terra.

Hai quen di que os mouros poderían ser representación dos nobres. Eu non penso tal. Os nobres da época, sobre todo na Galiza, terra de pequenos señoríos feudais, non eran un ser lendario e si alguén moi concreto, aínda que non o viran nas súas vidas pois andaba pola corte de Castela. Seica adxudicaron ós mouros aqueles comportamentos que lles supoñían os nobres; ás veces antolladizos, ás veces coléricos, outras compasivos e benevolentes. Supoño que é a plasmación do xeito de comportarse do labrego galego diante de persoas alleas, con docilidade e respecto. Se facías tal, podías aspirar a súa xenerosidade e aínda esperar un futuro mellor. Mais a cobiza, o desexo de medrar máis do que che corresponde é castigado pola xustiza do nobre.

¿Quen son entón para min os mouros? No primeiro lugar, son un recurso narrativo á maxia para poder artellar un bo conto. Precísase dun ser fóra deste mundo, do noso mundo, para poder explicarlles ós nenos certas verdades xerais, certas pautas de comportamento, certos valores.

Os valores que nos ensinan os contos son os de submisión ás ordes, condena da cobiza, resignación e respecto. Recibe castigo o que non segue as ordes ó pé da letra (ordes máxicas que non é quen de entender o paisano), quen mete os fociños no que non lle peta (a imaxe da muller entremetida) ou é curioso (outras culturas condenan a curiosidade a se converter en estatua de sal). É a doutrina oficial do réxime feudal no que só se medra á sombra do poder.

Os mouros son o recurso a seres que sancionen coa súa natureza máxica e intemporal os valores que as avoas queren ensinar ós seus netos.



¿Entón son só un conto, os mouros?

Pois non. Eu penso que, despois do dito, é evidente que os mouros existiron. ¿Quen son os mouros? Os últimos membros dunha cultura a piques de se extinguir.

Despois dunha rápida e profunda romanización sobre a cal desenvolveuse a cristianización, en poucas xeracións os habitantes dos vales e terras ben comunicadas xa terían perdido os costumes, a fala, os deuses e adoptado os do imperio.

Atopámonos pois no principio da Idade Media, cunha poboación vencellada ás vilas, completamente “civilizada”. De cando en vez, saen da súa realidade humanizada e soben á montaña a apacentar o gando ou a cazar, atópanse con seres estraños, cos que se poden a duras penas comunicar nunhas poucas palabras comúns. Aqueles visten con peles de animais, e teñen unha relación máis estreita coa Natureza que os envolve e protexe. As lendas de mouros nacen do encontro ocasional entre un servo romanizado ó servizo dunha vilae e o habitante dun poboado illado que aínda mantén os costumes, o xeito de vivir anterior á romanización. Xa só son uns poucos, sen relacións uns cos outros, nas zonas máis inaccesíbeis da xeografía. Son illotes autóctonos nunha Gallæcia hai séculos vencida e convencida.

Os mouros son pois “as xentes das montañas” da Galiza, que van ás veces ó mercado a vender ou mercar, que casan con algunha cristiá, que están nos claros do bosque co seu rabaño, que levan (os xefes) torques, fibelas e outras alfaias de ouro, que viven en castrum coas murallas derrubadas por orde de Roma, ou tiveron que fuxir a uns poboados máis altos, e baixan ós castros despois de xeracións a honralos como lugares santos.

O aldeán cóntanos que os mouros pensan, senten, aman e se alporizan, teñen todas as características humanas...pero non son coma el. Non respectan as mesmas crenzas nin se someten á mesma lei. Falan e visten dun xeito estraño e o seu reino é a Natureza. Non son o que el, homes...son outra cousa. Son...mouros.

Nas lendas son tratados con respecto, pois posúen unha sabenza que o cristián sabe perdida. Intúe que antes do feixe e da cruz, estaban eles. Non son uns homes-besta, senón xente que ten unha adaptación superior ó medio, unha simbiose que lles fai ós ollos da xente da vila seres máxicos, saídos non da costela de Adán, senón do ventre da terra.

En resumo: os mouros son a mitificación dos aldeáns daqueles homes salvaxes que vivían no monte.

2 comentarios:

flor de un día dijo...

Estás leyendero, eh? Me gusta.
Siento una especie de atracción por este tipo de historias, como si hubiera sido de alguna manera necesario imaginar algo fantástico para sobrellevar lo que llama la atención o choca o no se puede llegar a entender (probar científicamente).
Me he acordado un poquito del loco de laza. Ahí perdido, entre sus castaños, con su huerto, su cabañita, saliendo de vez en cuando a comprar pan al pueblo...
Nadie sabe gran cosa de él (creo), es como un bicho raro, solitario... Y tiene una alegría metida en el cuerpo...! Me enternece, pensar en él.
Y en serio no hay fotos o dibujos de mouras????? Ayayay! Esto se tiene que acabar! Creo que tengo poca cosa, en casa, y no muy bonita, pero por aquí hay que encontrar algo, no pué serrr, hombre!

El mendigo dijo...

Haber qué me subes.

La verdad es que todo dibujo de un mouro es un invento, porque en las leyendas no se suele describir a los mouros (¿para qué? si son como nosotros). Como mucho, se habla de sus ropas y joyas, del color de su pelo o de su belleza.

Ya lo habías leído pero...no me dijiste si estás de acuerdo con mi teoría (al de gallego le ha gustado).