18 de noviembre de 2008

Fotografía post mortem



Un dos costumes raros que teño ó visitar un sitio, é coñecer os camposantos antigos, xeralmente no adro das igrexas.
Descontando que cada vez semellámonos máis uns ós outros, e así non sabes se están paseando por unha rúa de Vigo ou de Torino, até que entras no casco vello. Os edificios, as tendas, a xente...todo é recoñecible, como se fixeras dous mil quilómetros para chegar o punto de partida.

Para ver as diferenzas entre culturas, as particularidades de cada pobo, tes que dirixirte ó casco vello das cidades, ás vilas perdidas, os cemiterios vai tempo abandonados.

Os cemiterios, as tumbas, falan. Nelas, por exemplo, pódese rastrexar o impacto de unha guerra na poboación local. Moi forte na França, onde en cada praza maior de vila sempre hai un monumento ós caidos na Grande Guerra. A Segunda non foi Grande pois para eles non foi nin guerra, xa que non participaron nela (agás uns poucos ó lado do feixismo, e inda menos ó carón de de Gaulle).

Pódese tamén facer unha análise sucinta da pirámide poboacional do lugar, a esperanza de vida segundo o sexo e a idade, etc.

Vai anos morrían moitas nenas. Moitos nenos tamén, mais nos camposantos de Europa abundan máis os nomes de muller, asociados a sepulturas de nenos. Isto era porque cando a comida non chegaba para todos, eran os homes os primeiros en comer. Isto non é exactamente machismo, senón supervivencia. É o home o que asegura a subsistencia do grupo, coa súa maior forza e capacidade de traballo, polo tanto é quen non pode quedar sen folgos para traballar. A tarefa principal da muller é criar fillos, e esta labor pódese adiar en tempos de fame. Porque a muller pase fame, non pasa res. Daquela, os homes da casa comían primeiro, e logo as mulleres. E logo, os nenos e os vellos, improdutivos. E logo, ó final, as nenas. Se quedaba algo no fondo do prato para elas.

Se un neno chegaba a puberdade, xa tiña máis esperanza de chegar a vello. Pero de contado viña a maior proba: os homes na guerra ou no traballo, as mulleres co parto.

Moitos homes novos mortos, coa referencia ó seu servizo a patria no epitafio, e fotografía do finado vestido co traxe do seu corpo no exército, sorrindo lanza e bravío. Imaxínalo desfeito por un obús, o pobre rapaz.

Pero inda máis mulleres, case que aínda nenas, mortas. O parto, un tralo outro, era unha proba moi dura nunha época na que non había de nada. Para unha muller, que chegase a menopausa era o equivalente a un home cando lía que chegaba o armisticio. Aínda que a muller non tiña dereito a festexalo, e o home si.

Nas lápidas dos cemiterios é bastante claro que, cando unha muller pasa dos corenta e pico...dura até os oitenta e pico. Salvouse. Pasou a proba sen que as súas entrañas rebentasen.

Se ós homes dábanlle a Lexión de Honor, ou merdas parecidas; ás mulleres cumpriría darlles outra medalla que dixera “útero de ouro” ou cousa semellante. Tiña cumprido o seu destino na vida, ganara o seu dereito a descansar.

Nestas cousas andaba eu matinando nun camposanto italiano, cando reparei na fotografía dun neno, apenas un bebé. A súa boca esta aberta, e tiña os ollos como pratos. Pero...carallo! Este neno está morto! Quitáronlle unha foto ó seu fillo cando xa estaba morto! Eu endexamais vira tal cousa, e a miña mentalidade moderna rexeitou a idea macabra.

Xa sobre aviso, mirei mellor para as outras fotos que estaban nas cruces de pedra e...era verdade, todos os nenos, e algúns dos maiores, eran xa fiambres cando lles tiraron a foto.

Ós poucos, fun comprendendo. Na miña mentalidade de home deste século, unha cousa así non era de bo gusto. Mais na época desas sepulturas, século XIX ou principios do XX, en rexións ademais moi atrasadas, a morte non era considerada tabú, e agochada canto antes mellor. Na sociedade moderna non conseguimos resolver o problema da morte, a morte non ten ningún significado, ningún sentido, ningunha utilidade na sociedade moderna. Non podemos asimilala e despachámola canto antes, do xeito máis hixiénico e cómodo posible.

Unha das cousas que me marabilla da cultura galega, e por extensión das culturas tradicionais das sociedades agrícolas, é a súa integración da morte como un elemento máis da vida. A naturalidade coa que a xente de aldea fala da morte, moitas veces da súa propia e vindeira morte, é cousa que arrepía os que somos de cidade. É unha sabedoría á que eu inda non cheguei, nin tan sequera, albiscar.

A morte é parte da vida, pero tamén da cultura, das relacións sociais...non se evita referirse a ela, e fálase dela con naturalidade. Non é que sexa cousa boa, só os fanáticos poden crer iso, pero admítese cosa naturalidade que dan os feitos unha e outra vez repetidos. Seica o contacto cos animais, cos ciclos da vida e da morte naturais, predispoñan á xente do agro a entender unha realidade que a xente das cidades non somos quen de facelo.

A cousa ten a súa lóxica. Se morría un fillo, querías que algo de el quedara, sequera para a lembranza. E pagabas uns pesos (os prezos baixaron moito a comezos de século) para que o fotógrafo lle sacara unha fotografía, a primeira e última, a derradeira, antes de dar teu fillo á terra. Logo, gardaban o retrato do finado con agarimo.

De feito, como se ve na fotografía da cabeceira, os mortos eran un suxeito ideal para a fotografía de comezos de século, nas que os tempos de exposición eran moi longos. Poñíase un trebello para manter o cadáver en posición ergueita, ou deixábase deitado, adobiábase como se fose de Domingo, e quitábaselle a foto. Nesa foto, semellan ser os pais os que veñen doutro mundo, as pantasmas, pois quedaron movidos (estar trinta segundos sen te mover nin un milímetro no é doado), mentres que a filla morta saíu con unha faciana de serenidade marmórea.

Para nos, este tipo de fotografía non é algo agarimoso, senón macabro e até cruel. Sen embargo, un pode aprender moito dela, da casca do corpo como unha xerra baleira, como unha cabaza oca, como unha casa que quedou sen donos, coas fiestras abertas de par en par, e á que só lle espera a ruína.

Pecho a entrada cunha foto que non é unha das que comentei. Esta é unha foto moderna, ten movemento, e non se fai o xogo de presentar ó morto como vivo. Se a poño é porque pareceume moi boa. Por todos os pais que tiveron e teñen que enterrar os seus fillos, a desesperanza e a impotencia de ver como non es quen de manter a túa prole con vida. O grande fracaso da esperanza de perpetuarse, de permanecer no mundo no sangue dos teus fillos, vaise co pequeno cadaleito tamén á terra.



Por certo, non sei ben por que empreguei o galego nesta entrada. Aínda que a miña lingua é o castelán, teño o galego como máis axeitado para a poesía, e tamén, por iso, para falar da morte. Supoño que tamén, porque ía tempo que non o empregaba, e non quero perder esa beleza que posúo sendo quen de o falar.


Enlaces para saber máis desde xénero, particular, da fotografía:
Introducción a la fotografía post mortem
The last look

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Me ha recordado un libro de fotografías de sebastiao salgado

Raíña Loba dijo...

Eu tamén me lembrei dos cemiterios italianos e as fotos que vimos en maio.
É curioso, moito, pero non vai tanto que se fixeron esas fotos, como xa che teño comentado, en casa de meus pais hai unha foto do meu irmán, na cama e no cadaleito, con dous anos e pico, era o ano 1963, e ós meus pais non lles parece nada raro nen triste velo así, só os entristece o seu recordo de vivo. E a min cústame entendelo, eu non quixera unha lembranza así.

E agora sen ver nada personal, as fotos gústanme, din moito. E os enlaces tamén.

Anónimo dijo...

Raíña, salvando as distancias, lembras cando recollimos a nosa gatiña en Normandía? Non sabiamos se chegaría viva a casa. Non quixemos quitarle unha foto até uns días despois de chegar, cando xa vimos que a gatiña tiraba para diante e o final ía vivir.

Non sei, supoño que para min é aumentar a pena, se ó final morrese. E máis cando sacas a alguén doente, o inda máis, xa morto.

Pero hai moitos xeitos de velo, claro. Galicia nos '60 vivía no século XIX. É sen dúbida unha desgraza, pero tamén ten cousas boas: é como asomarte o túnel do tempo, e poder estudar en vivo unha cultura que cimenta as súas raíces na prehistoria.


Javier, tronk, no estoy de acuerdo contigo. Si me encanta Sebastião Salgado es porque, aún retratando a gente que tiene una vida muy jodida, no lo hace de forma obscena, mostrando su miseria. Lo que Salgado saca son personas, están llenas de vida, de ilusiones. No son cadáveres, niños esqueléticos ni cosas semejantes, que sacan otros fotógrafos para hacer más violenta la escena.

Salgado muestra un gran respeto por la dignidad de aquellos a quienes fotografía. Es por ello que siento por él tanta admiración.

Un saludo!

Anónimo dijo...

Mendi, non fai dano a un idioma quen o descoñece senón quen coñecéndoo non o utiliza

Mendiño dijo...

Ein? Dende cando falas ti galego? Non sabía que soubeses, eres unha caixa de sorpresas.

Pois a min gostaríame poder respostar en vasco máis...ejem...como que non teño nin idea.

Apertas, tronk!